
A sala quedou pequena este mércores na presentación do libro “Con otra mirada. Horror de la guerra civil española en el Monasterio de Oia 1936-1939”, xa que foron moitas as persoas que se achegaron ata a Casa Cultural de Santa María de Oia para coñecer os resultados do traballo realizado por Fernando Javier Costas Goberna, Lorena González Vicente e Lucía Álvarez Caeiro.
O acto foi presentado polo vicedecano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo e vicepresidente de Costa dos Castros, Manuel Ángel Pombal Diego; quen deu paso a Costas Goberna, o encargado de debullar os interesantes contidos textuais e gráficos desta obra: unha rigorosa do período histórico no que o cenobio cisterciense funcionou como campo de concentración. Pechou o acto a alcaldesa, Cristina Correa, pois a publicación está editada polo Concello de Oia.
Como avance do contido do libro deixámosvos a continuación o texto que aparece na lapela da publicación:
“Resulta paradoxal que a primeira utilidade pública destas dependencias, e única ata a data, despois da súa declaración como ben de interese nacional en 1031, fose para un fin tan afastado da intencionalidade que aquela declaración suxería, xa que poucos anos despois durante a guerra civil española se converteu en campo de prisioneiros do derrotado bando republicano. No interior dos seus muros, tanto os desafortunados que sufriron o encarceramento en tan difíciles e dolorosas circunstancias, como os seus carcereiros, deixáronnos unha testemuña única, a base de textos e debuxos a través dos que podemos facer un saudable exercicio de aproximación ás emocións e sentimentos que configuraron os tráxicos momentos que se viviron alí”.
Se queres coñecer un pouco máis sobre a obra, podes premer nesta ligazón.

Na Asociación Costa dos Castros, da que tamén forma parte Fernando Javier Costas Goberna, alegrámonos inmensamente da boa acollida deste traballo por parte da veciñanza oiense e queremos aproveitar para agradecer a asistencia de todas as persoas que se achegaron á presentación. Unha vez máis, quedou demostrado que a defensa do patrimonio é cousa de todas e todos.