Teatro veciñal o 2 de Xuño no Arrabal

O grupo de veciñas e veciños participantes no obradoiro de teatro veciñal que organiza o Concello de Oia estrearán as súas creacións o domingo 2 de xuño, cunha visita dramatizada ao barrio do Arrabal. O espectáculo comezará ás 19.00 horas.

Froito dun proceso de recompilación de historias locais, tradicións populares e outros elementos patrimoniais de Oia, as persoas participantes no obradoiro elaboraron media ducia de pezas teatrais, asesoradas e dirixidas pola Artística Teatro e Danza. O día 2 de xuño a propia veciñanza interpretará estas historias onde a realidade se mestura coa ficción para dar a coñecer, de xeito innovador, o patrimonio material e inmaterial de Oia.

Lugares como a Eira do Convento, a fonte de San Cosme e San Damián e a Praza da Centinela serán algunhas das paradas deste itinerario onde teatro, danza e música irán da man co obxectivo de visibilizar o patrimonio local. Todos estes lugares emblemáticos converteranse en escenarios de excepción dentro deste proxecto, o cal se desenvolve baixo o título “6×6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas”.

Por outra banda, co gallo da representación teatral, o casco vello contará cunha ambientación moi especial grazas aos elementos decorativos elaborados polo alumnado dos colexios de Oia, os cales tamén se quixeron implicar no proxecto.

Programación cultural complementaria

Ademais da visita dramatizada, que se desenvolverá entre as 19.00 e as 21.00 horas, ao longo da xornada do 2 de xuño no Arrabal haberá diversas actividades culturais complementarias, al cales se detallarán nos próximos días.

Desde a Asociación Costa dos Castros tamén poremos o noso granciño de area… Manterémosvos informados!

Aproveitamos para convidarvos a asistir á representación: estará chea de sorpresas…

Segunda edición do obradoiro de teatro veciñal

A deste ano é a segunda edición do obradoiro de teatro veciñal, desenvolvido entre os meses de febreiro e maio deste ano trala boa acollida da primeira convocatoria do proxecto, celebrada en 2018 baixo o título “6×6 Punto de Encontro Costa dos Castros. Contos do Arrabal “. Algúns dos resultados obtidos no primeiro ano foron: unha trintena de persoas inscritas no obradoiro, alta calidade interpretativa dos participantes e unha grande afluencia de público o día da representación (estímase que unhas 200 persoas).

En canto aos obxectivos relacionados co patrimonio, a iniciativa revelouse como unha boa ferramenta á hora de revalorizar o patrimonio local, aumentar a conciencia veciñal arredor del e dinamizar o turismo baseado nos valores culturais locais. Se queres ler máis sobre a experiencia, recomendámoste este artigo do Boletín de Interpretación que edita a Asociación para la Interpretación del Patrimonio (AIP).

Representación da visita dramatizada polo barrio do Arrabal en 2018
Representación da visita dramatizada polo barrio do Arrabal en 2018