Como ben sabedes, as rúas e prazas do Arrabal de Oia convertiranse o próximo domingo en escenarios de excepción para acoller as pezas dramáticas que interpretarán as persoas participantes no obradoiro de teatro veciñal. Farano baixo o suxestivo título “6×6 Punto de encontro o Arrabal, historias non escritas”. Anímadevos a asistir, é de entrada libre e gratuíta e pasaremos un bo rato (con algunha sorpresa incluída).
Co gallo da visita dramatizada, durante o sábado e domingo desenvolveranse unha serie de actividades gratuítas e para todos os públicos, incluída a exposición de obxectos tradicionais que organizamos desde Costa dos Castros para revalorizar o noso patrimonio inmaterial a través de elementos tanxibles e vinculados coas distintas pezas dramáticas.
A continuación deixámosvos a programación completa. Vémonos esta fin de semana en Oia!
PROGRAMACIÓN COMPLETA
“6×6 Punto de encontro o Arrabal, historias non escritas”
SÁBADO, 1 DE XUÑO
-13.00h. Apertura da exposición de obxectos tradicionais “O Arrabal, historias non escritas” na Oficina de Turismo de Oia (Praza da Centinela).
A mostra permanecerá exposta durante todo o mes no horario de apertura da Oficina de Turismo.
DOMINGO, 2 DE XUÑO
Mañá:
-A partir das 10.30h. Exposición de obxectos tradicionais na Oficina de Turismo.
-Nas inmediacións da oficina haberá postos de venda de produtos de artesanía local durante toda a xornada.
Postos de artesanía:
-Cabuxa (coiro)
-Luis Álvarez (escultura en pedra)
-areladefe (xoeiría)
-Carliños Cesteiro
-Ana Méndez (cerámica)
-Las Flores de Greta (téxtil en seda)
-Oiadelos (complementos)
Tarde:
-17.00 horas: Espectáculo infantil “Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos”. A cargo do grupo de teatro Avento. Na Praza da Centinela.
-19.00 horas: Visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal, historias non escritas” polas rúas e prazas do barrio histórico, a cargo do obraoiro de teatro veciñal.
-Pecharemos a xornada festiva con cantos de taberna cos grupos locais A Fiada de Viladesuso e Tra-lo Mosteiro.
Durante todo o día o barrio do Arrabal estará ambientado coas decoracións feitas polo alumnado dos colexios CEIP Mestre Manuel García e CEIP de Refoxos.
—
Agradecementos:
O obradoiro de teatro veciñal quere transmitir o seu agradecemento a diversos colaboradores que contribuíron ao desenvolvemento da iniciativa, nomeadamente a Fernando Javier Costas Goberna -pola cesión de documentación e información que axudou a dar forma ás historias- á propiedade do Mosteiro -pola cesión de espazos para a representación-, a Artes Gráficas Prelo -pola achega realizada en carteis e folletos-, e a Paula Cobián Escola de Danza.
De igual forma, queremos agradecer ás comunidades educativas dos CEIP Mestre Manuel García e Refoxos pola súa colaboración e dispoñibilidade para a elaboración de elementos decorativos.