A limpeza da contorna de Auga dos Cebros abre esta fin de semana os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo

Os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo de Auga dos Cebros comezarán esta fin de semana cunha actividade que consistirá na limpeza da contorna do gravado. Estes labores previos terán lugar o próximo sábado e contarán coa participación da propia veciñanza, se ben cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas.

O proxecto de elaboración dun molde e réplica de Auga dos Cebros está promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre. Ao mesmo tempo, aproveitaranse os traballos para levar a cabo iniciativas de divulgación e sensibilización patrimonial.

As actuacións desenvolveranse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que será a encargada de acometer os traballos. Para elo, desprazará un equipo técnico composto por varios membros do profesorado e alumnado.

Visita petroglifo Auga dos Cebros Oia

Os anteditos traballos comezarán o sábado día 22 ás 10.00 horas cunha limpeza dos arredores do petróglifo. Con esta actividade preténdese retirar a maior parte dos depósitos acumulados na contorna inmediata do sitio arqueolóxico, moitos deles froito do arrastre de materiais xerado polas augas do río.

Nos labores de campo do día 22 participarán membros da Escola, da comunidade de montes de Pedornes e de Costa dos Castros. Así mesmo, e co obxectivo de abrir as actuacións á participación da comunidade local, convócanse 5 prazas para as persoas que desexen axudar voluntariamente. As persoas interesadas en participar deberán chamar ao teléfono 689.35.57.13 (as prazas están limitadas a 5, así que seguirase estrita orde de inscrición).

Na mesma liña de promover a participación e sensibilización da veciñanza, para o martes día 25 ás 18.00 horas programarase unha visita guiada na que se explicarán os traballos a desenvolver para a elaboración do molde co que se obterá a réplica de Auga dos Cebros.

Estas actividades, ao igual que o resto do plan de traballo, son susceptibles de sufrir algunha modificación horaria por motivo das condicións meteorolóxicas. No caso de cancelación, avisarase con antelación.

Auga dos Cebros Pedornes, Oia. Costa dos Castros

Traballo de campo

Segundo as previsións iniciais, os traballos de campo en Auga dos Cebros desenvolveranse o sábado 22 de xuño e, posteriormente, na semana que vai do luns 24 ao venres 28. A partires de aí, o persoal da Escola comezará o traballo de gabinete para a elaboración da réplica e a análise dos resultados obtidos.

Ademais da limpeza da contorna e a realización do molde e a réplica, a actuación global inclúe a documentación dixital do xacemento (mediante fotogrametría) e a confección dunha diagnose precisa que permita entender as alteracións pasadas así coma os riscos futuros, entre outras tarefas. Así mesmo, os traballos permitirán avanzar outras medidas de conservación preventiva.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.