Visitas guiadas de verán en Oia (xullo e agosto 2019)

A tradicional programación de visitas guiadas gratuítas polo patrimonio de Oia organizada pola Asociación Costa dos Castros arranca o sábado 20 de xullo. Este verán haberá visitas á Cabeciña, ao barrio do Arrabal e, como novidade, prográmanse paseos pola zona de Chavella-A Valga.

Estes son os horarios:

GAL ok

Que veremos nas visitas nocturnas á Cabeciña?

Nesta visita centrarémonos nos gravados rupestres do enclave arqueolóxico da Cabeciña, en Mougás. Aproveitando a noite e os xogos de luces e sombras xerados polo foco, crearemos as condicións óptimas para a observación destes petróglifos de formas curvilíneas.

 

Que veremos nas visitas diúrnas á Cabeciña?

Castro da Cabeciña

Durante a visita diúrna á Cabeciña, en Mougás, gozaremos dunhas impresionantes vistas da singular franxa litoral de Oia, coñeceremos o panel principal de petróglifos e os vestixios dun castro. Todo, na mesma contorna.

 

Que visitaremos no Arrabal?

visitas guiadas de verano Costa dos Castros. Arrabal. Oia.

O Arrabal é o barrio nado ao abeiro do Mosteiro de Oia (cenobio cisterciense fundado no século XII). Neste itinerario descubriremos como era a vida da veciñanza no tempo no que os monxes habitaban este monumento, pero tamén doutros momentos históricos máis recentes.

 

Que veremos na ruta por Chavella e A Valga?

Mosteiro Oia, Arrabal e Camboa. Rías Baixas. Galicia

Esta ruta, que se desenvolve por primeira vez dentro da programación de Costa dos Castros, consiste nun paseo polo coñecido como castro de Chavella (Santa María de Oia), onde poderemos gozar dunhas fermosas vistas do Mosteiro e do Arrabal e visitar unha muralla dun enclave prehistórico. Continuaremos o itinerario polas inmediacións do curro da Valga (Loureza), onde observaremos unha paisaxe completamente distinta pero igual de fermosa: a das zonas interiores de Oia.

 

Colle a túa mochila, unha botella de auga, gorro e calzado cómodo… E acompáñanos a descubrir os segredos da Costa dos Castros este verán!

Mochila Costa dos Castros

 

Esta programación estival de visitas guiadas ten o obxectivo de dar a coñecer e revalorizar o patrimonio cultural, natural e paisaxístico de Oia. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra.