Nadal con moito patrimonio en Oia

As datas de Nadal chegan a Oia repletas de actividades vinculadas co patrimonio local. Se debullamos a programación da Semana Cultural de Mougás, que organiza a Asociación de Veciños desta parroquia coa colaboración de diversas institucións, veremos que temos opcións para elixir.

Entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro haberá dúas presentacións de libros e dúas charlas, entre outras actividades culturais e de lecer. Como veredes no cartel do programa (que máis abaixo compartimos), nalgunhas das propostas da programación teremos a algúns membros da directiva da Asociación Costa dos Castros involucrados, o cal nos enche de ledicia.

Entre toda a variada programación, destacámosvos as seguintes actividades por teren que ver co patrimonio e a historia local:

-Presentación do libro sobre cruceiros cruces e almiñas do concello de Oia, de Xoán M. Tamuxe (venres 20 de decembro).

-Charla sobre a Pía de Mougás, a cargo de Manuel Ángel Pombal, Peque (sábado 21 de decembro).

-Presentación do libro Terras de Mougás, da Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Mougás xunto coa anterior directiva da Asociación Veciñal de Mougás (domingo 22 de decembro).

-Proxección do documental Lembranzas doutro tempo, segunda parte da cinta Memorias de Oia, un audiovisual do Concello onde se recollen diversos testemuños veciñais relativos á cultura popular, costumes, tradicións, vivencias persoais…

-Conferencia sobre o libro  Con otra mirada. Horror de la guerra civil española en el Monasterio de Oia, a cargo de Fernando Javier Costas Goberna (venres, 3 de xaneiro).

E, tamén relacionado co patrimonio local, durante a Semana Cultural poderedes visitar a exposición de fotografías do proxecto xuvenil #Oiaensepia, un obradoiro arredor da fotografía antiga onde 15 mozos e mozas de Oia analizaron os cambios na paisaxe a través de fotografías antigas e actuais de diferentes lugares do municipio.

Aquí tendes o cartel coa programación completa, días e horas, para que organicedes ben a vosa axenda:

CARTEL A4 SEMANA CULTURAL MOUGAS 2019_V2 (2)_page-0001 (1)