A Costa dos Castros: arqueoloxía, natureza e moito máis en Oia
Patrimonio arqueolóxico
O rico patrimonio arqueolóxico de Oia é o punto de partida da maioría das iniciativas da Asociación Costa dos Castros. No marco de actuacións desenvolvidas por ACdC inclúense intervencións en diversos enclaves, entre eles 3 situados en zonas altas e que parecen formar parte da mesma estratexia de ocupación da paisaxe: comparten semellanzas formais e o feito de estar situados en lugares de gran dominio visual da terra e do mar.
Os 3 recintos, situados en diferentes parroquias do municipio, son:
- A Cabeciña: tras varias campañas arqueolóxicas neste castro situado en Mougás, e do estudo dos petróglifos situados nas proximidades do recinto fortificado, o seguinte paso a dar será a restauración da área onde se fixo a escavación.
- Cano dos Mouros: neste castro non se teñen feito intervencións coma as de A Cabeciña, pero si actuacións de limpeza de vexetación baixo o correspondente control arqueolóxico. Para este entorno, situado na parroquia de Viladesuso, apóstase pola valorización da tradición oral coa lenda do Rei Sol.
- Chavella: téñense feito accións de limpeza e topografía, así como varias sondaxes valorativas para avaliar o seu estado e tratar de afondar no coñecemento deste enclave de Santa María de Oia.
Pero as actuacións arqueolóxicas da Asociación Costa dos Castros non se centran soamente nestes 3 enclaves, senón que tamén comprenden intervencións en elementos de arte rupestre.
Grazas a unha campaña de crowdfunding, acometéronse labores de limpeza de vexetación (roza e tala) na zona do Viveiro (Pedornes), onde se atopa o petróglifo de Auga dos Cebros, unha xoia arqueolóxica ao estar considerada a única representación dun barco mediterráneo do II Milenio a.C. en todo o contexto atlántico. Estes traballos permitiron valorar o estado deste relevante gravado e doutros petróglifos da zona, así como descubrir algúns novos.

Xunto a estes lugares, outro punto arqueolóxico imprescindible na Costa dos Castros e a estación rupestre da Pedreira (Santa María de Oia). Ademais de empaparnos de Prehistoria, neste enclave tamén podemos gozar dunhas impresionantes vistas ao Mosteiro de Oia, o barrio do Arrabal e algúns tramos do Camiño de Santiago Portugués pola Costa.
Patrimonio natural
Estes elementos arqueolóxicos atópanse en contornas naturais de gran beleza e singularidade. Exemplo disto é o impresionante bosque das Sobreiras do Faro, próximo a Cano dos Mouros; ou a zona de fentos xigantes que hai no Viveiro, xunto ao río Vilar.

No apartado de patrimonio natural tampouco podemos esquecernos das coñecidas Pozas de Mougás e a impresionante caída de auga do río da Fervenza.
O mar e a rochosa liña costeira son outros dos elementos fundamentais na paisaxe natural de Oia, pero tamén na historia desta zona das Rías Baixas. O Atlántico agasállanos con sorprendentes panorámicas de horizontes infinitos, pero tamén atesoura segredos sobre batallas navais, naufraxios e relacións comerciais milenarias.
E moito máis
O patrimonio da Costa dos Castros tamén está nas súas xentes, no seu falar, nas súas festas e tradicións. E para coñecelas, non hai nada mellor que visitar a zona aproveitando algún momento de celebracións: festexos tradicionais, semanas culturais, festivais, curros de cabalos… Son algunhas das citas fundamentais para entender mellor a esencia deste máxico lugar do Sur de Galicia.
Na Asociación tamén traballamos neste ámbito, xunto coa colaboración doutras entidades e colectivos veciñais. Exemplos das sinerxías creadas son a Festa da Cervexa da Cabeciña e o Festival do Rei Sol, onde se combina a convivencia veciñal coa posta en valor destes dous enclaves castrexos.