Costa dos Castros: onde, como e por que

Castro da Cabeciña

 

Unha singular paisaxe de costa e montaña no Sur de Galicia que é testemuña dunha historia milenaria

12 castros en 7 quilómetros de litoral e máis de 1.000 petróglifos nos seus montes

A Costa dos Castros sitúase en Oia, un municipio do sur de Galicia bañado polo Océano Atlántico. Na zona das Rías Baixas, pero en mar aberto, o seu litoral é dunha gran singularidade: o mar rompe directamente contra rochedos de singulares formas esculpidas pola erosión, as cales, segundo nos achegamos ao interior, nos levan cara á Serra da Groba.

Esta paisaxe única, dominada polo contraste entre as terras fértiles próximas á costa e as terras altas da montaña, foi un elemento fundamental á hora de entender a vida dos seus poboadores ao longo da historia. Tamén axuda a comprender o legado que estes habitantes foron deixando desde hai centos e incluso miles de anos.

Os castros distribúense ao longo de 7 quilómetros de liña de costa atendendo a 2 sistemas de ocupación do territorio: os emprazados en altura e os construídos nas terras baixas. Con 12 poboados coñecidos no litoral, podemos dicir sen medo que este territorio é unha auténtica Costa dos Castros.

Ademais, a maioría das estacións de arte rupestre (coñécense máis de 1.000 petróglifos no municipio, entre os que destacan os conxuntos de A Cabeciña, A Pedreira e Auga dos Cebros) tamén semellan seguir un patrón: concéntranse especialmente nas ladeiras dos montes en torno aos 100-200 metros de altitude, xeralmente na periferia das zonas de cultivo e dos asentamentos tradicionais.

 

 

Costa dos Castros

 

A Asociación

As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Mougás, Viladesuso, Pedornes e Santa María de Oia teñen una longa traxectoria en intervencións arqueolóxicas. Levan desenvolvendo actuacións  en varios castros e estacións de arte rupestre situadas en monte comunal desde 2010.

Para dar un paso máis, as 4 CMVMC constitúen en 2016 a Asociación Costa dos Castros, unha entidade sen ánimo de lucro que nace co obxectivo de impulsar os traballos arqueolóxicos, seguir investigando os castros e poñelos en valor para a memoria e goce de veciños e visitantes. E como o fan? A través dun modelo de arqueoloxía en comunidade, baseado na participación activa da sociedade na xestión do seu patrimonio.

Esta valorización dos xacementos provoca á súa vez un maior dinamismo económico na zona, xa que fomenta un turismo sostible: respectuoso coa contorna, xerador duns retornos económicos que quedan na zona e que conciencia a veciños e visitantes sobre o importante valor e a necesaria protección e conservación deste patrimonio arqueolóxico.

Deste xeito, o proxecto de Costa dos Castros vai alén do arqueolóxico. Máis ben, a arqueoloxía convértese no alicerce sobre o que lograr dinamizar un lugar de grande potencial turístico: nun entorno rural, Oia presenta sorprendentes recursos naturais e culturais, propostas gastronómicas de calidade e unha variada oferta de aloxamento e de actividades de turismo activo.

 

A Cabeciña

 

Un enfoque de traballo colaborativo

Costa dos Castros entende que o traballo conxunto é sempre positivo e, de feito, xa ten crecido desde que se constituíu, coa incorporación das comunidades de montes de Loureza e de Burgueira (tamén pertencentes ao municipio de Oia).

Ademais, conta co apoio do Concello de Oia e doutras asociacións locais con obxectivos compartidos, como a asociación cultural ACAMO e a naturalista ANABAM. Mantendo este enfoque colaborativo, ACdC permanece sempre coa man tendida para incorporar novas comunidades ou concellos veciños.

Outro aliado salientable da ACdC é o Instituto de Ciencias do Patrimonio, Incipit-CSIC, o cal ten colaborado en diversos traballos arqueolóxicos desenvolvidos en 2015 e 2016, como foron as escavacións no castro da Cabeciña.

Leiston Abbey
Un equipo de Costa dos Castros visitou o proxecto de DigVentures en Leiston Abbey

 

Un importante fito foi o acadado xunto coa empresa social británica DigVentures, que levou a Costa dos Castros a protagonizar a primeira campaña de crowdfunding arqueolóxico de Galicia, unha experiencia que deu tan bos resultados que se repetiu posteriormente nunha segunda acción de micromecenado. Grazas ás achegas económicas dos colaboradores das campañas, a Asociación puido acometer novas actuacións como , por exemplo, a limpeza da contorna do petróglifo de Auga dos Cebros.

Neste vídeo podes coñecernos un pouquiño máis: