O castro sitúase na parroquia de Viladesuso, na lindeira entre esta e a de Mougás. Dende os seus case 300 metros de altura, domina os vales de ámbalas dúas parroquias así como un amplo tramo de costa.
Dende o punto de vista da estratexia de ocupación do territorio, este castro sitúase entre os outros dous: A Cabeciña e Chavella. Semella que a súa función sería a de controlar posibles puntos cegos, actuando de bisagra visual, sobre todo tendo en conta o pequeno tamaño da superficie aproveitable do castro.
Presenta menor tamaño que o da Cabeciña, pero unha serie de características análogas a este como a súa orientación Sureste, unha morfoloxía semellante adaptando o terreo e sobre todo as súas murallas, con sistemas construtivos semellantes.
Solpores dignos dos reis
Trátase do máis pequeno da cadea de tres castros en altura que conforman a “Costa dos Castros” e o que conserva unha maior tradición oral asociada, curiosamente perdida nos outros dous casos. Puidemos recoller as habituais lendas de túneles que comunican con outros puntos senlleiros da paisaxe, mais tamén outra cun carácter máis orixinal.
Unha das rochas do castro, con caprichosa forma de cadeira é coñecida como a “Silla do Rei Sol”. Neste trono sentaríase o dito Rei Sol a contemplar o solpor dende o Cano dos Mouros.