Castro de Chavella

Sitúase na parroquia de Santa María de Oia, por enriba da aldea de Chavella. Cunha altitude de 477 metros é o máis alto dos tres xacementos e polo tanto o que domina unha maior área do territorio, cun control visual directo sobre o porto de Oia e o Mosteiro.
Tamén é o de maior tamaño dos tres cunha superficie duns 5.000 m2 dividida en tres recintos, pechados por unha gran muralla duns 10 metros de altura. Como no caso da Cabeciña, o maior esforzo construtivo concéntrase no seu lado Leste, o máis vulnerable, estando os outros lados máis protexidos polas pendentes naturais.

O seu recinto principal está volcado cara o Norte creando unha curiosa imaxe de espello coa Cabeciña, volcado ao Sur. Ámbolos dous castros están a mirarse claramente creando un espazo de dominio visual de 7 km. de costa. Cano dos Mouros completa o triángulo controlando calquera punto cego que puidese ficar entre ambos.

De Castro a Castelo
O Castro de Chavella tamén é coñecido como o Castelo. Ademais, existen referencias medievais de que dentro do castro había unha torre. A evidencia arqueolóxica amósanos unha croa artificial formada por pedras e cascallos.

Estes tres datos parecen apuntar a que o Castro de Chavella puido ser reempregado na Idade Media como torre ou faro para seguir controlando o territorio. Tal feito estaría totalmente xustificado pola existencia do Mosteiro e polo claro dominio visual que o castro ten sobre el. Unha torre en Chavella serían os ollos do Mosteiro sobre o Mar.

Non resultaría estraño que algún dos tres castros, ou mesmo os tres fosen reocupados en distintas épocas de inestabilidade. Estes castros naceron coa misión de vixiar este tramo de costa, e esa necesidade non se circunscribe á época castrexa.