Petróglifo de Auga dos Cebros

Un dos petróglifos máis espectaculares da costa galega, polo seu significado simbólico de conexión entre as dúas culturas máis importantes da Europa prehistórica, a atlántica e a mediterránea, é o petróglifo de Auga dos Cebros.

Trátase dun dos maiores tesouros arqueolóxicos da fachada atlántica. Sitúase na parroquia de Pedornes, no lugar coñecido como O Viveiro. A pesar de que a estación está formada por diversas laxes gravadas, a máis coñecida é a que representa unha embarcación mediterránea do II Milenio a.C.

Dita representación é unha mostra incuestionable das relacións entre a cultura atlántica e a mediterránea dende épocas prehistóricas. Este modelo de embarcación, único en toda a Europa atlántica, remite a modelos cretenses ou exipcios atopados en selos ou gravados nos templos.

 

Na procura do tesouro

A principios do século XX o petróglifo foi parcialmente dinamitado por uns caza-tesouros coa crenza de que baixo el atoparían riquezas. Coa perspectiva do século XXI entendemos que o verdadeiro tesouro é o propio petróglifo, por iso nos plantexamos a súa xestión.

Os gravados atópanse nunha zona moi sensible e afectados polo curso intermitente do Río Vilar. Á espera dun proxecto maior que inclúa algún tipo de estudo de conservación máis amplo, este 2015 plantexamos unha limpeza vexetal con control arqueolóxico. Os obxectivos son dous, por unha banda, controlar a afección da vexetación sobre os gravados e por outra, documentar posibles petróglifos non catalogados aínda.

Neste vídeo podes coñecer máis sobre o petróglifo e o seu contorno.