Prepara a túa visita

Prepara a túa visita á Costa dos Castros (Oia. Rías Baixas. Galicia)

Experiencias para todos os gustos na Costa dos Castros

A Costa dos Castros ofrece opcións interesantes sexa cal sexa o teu plan de viaxe: de paso, estancia de fin de semana ou unhas longas vacacións de relax en contacto coa natureza e a vida no rural.

Da igual se vés en grupo, en parella, en familia, co teu can ou mesmo só: se queres desconectar da rutina e atopar un lugar tranquilo onde espertar o teu espírito aventureiro estás no lugar axeitado. Déixate levar pola maxia destas terras de lendas, historia, bosques, ríos, mar e paisaxes únicas!

Solpor el Oia Rías Baixas Costa dos Castros

 

Vivindo o patrimonio cultural e natural de Oia

Estas son as nosas recomendacións á hora de visitar algúns dos principais elementos do patrimonio cultural e natural da Costa dos Castros:

A Cabeciña é ideal para acudir en familia: con boa accesibilidade (podes chegar co coche), non te podes perder o panel de petróglifos, a impoñente muralla do castro e as fermosas vistas ao Atlántico. Se vai moita calor, podes aproveitar e continuar polo camiño das Pozas de Mougás para refrescarte nas súas augas cristalinas.

Cano dos Mouros tamén podes chegar en coche. Ver o solpor desde o alto deste castro de Viladesuso, ou mesmo desde a rocha da Cadeira do Rei Sol, é outra das experiencias que tes que vivir se visitas a zona.

Para chegar ata o castro de Chavella é mellor deixar o coche antes de entrar no camiño e facer andando o tramo final (uns 500 metros). Ben paga a pena dar este pequeno paseo e internarse no recinto amurallado, pois as vistas ao Mosteiro de Oia e ao barrio do Arrabal son impresionantes. Se tes sorte e a marea está baixa (como na imaxe), poderás ver como emerxe a camboa fronte ao cenobio.

Mosteiro Oia, Arrabal e Camboa. Rías Baixas. Galicia

E se o que che gusta é facer sendeirismo, a Ruta Máxica de Oia ofrece un percorrido duns 20 quilómetros no que gozar de impresionantes vistas ao Atlántico e visitar puntos de interese arqueolóxico e natural, entre eles algúns dos xa mencionados. A Cabeciña, As Pozas, Cano dos Mouros, o bosque das Sobreiras do Faro e as estacións de petróglifos de Auga dos Cebros e A Pedreira son algunhas das paradas obligatorias neste roteiro.

Visitas guiadas

Percorrendo por libre todos estes lugares poderaste ir empapando da esencia da Costa dos Castros pero, se o que realmente queres é coñecer todos os segredos que agocha este lugar, convidámoste ás visitas que organizamos desde a Asociación, normalmente en tempada de verán. Consulta no apartado de visitas guiadas a nosa oferta e horarios.

Para completar a túa experiencia inesquecible na Costa dos Castros podes consultar ideas sobre a oferta de lecer e turismo activo en Oia  e sobre algúns dos lugares onde comer e durmir (para todos os gustos e presupostos).

Agardámoste!

Paseos a cabalo en Oia. Mougás. Galicia